Revista del Club Financiero de Santiago
Os profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Bastida e Javier Turienzo e o presidente do Club Financieiro de Santiago (CFS), Roberto Pereira, visitaron esta mañá o Concello da Estrada para presentar o Informe de Conxuntura Económica (ICE) de Galicia 2025, confeccionado polo Club. A presentación, que contou coa asistencia do alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, permitiu a este equipo de expertos ofrecer unha lectura estratéxica sobre empresa, territorio e contorno institucional, centrada en como transformar unha base empresarial ampla pero dispersa nunha axenda organizada de crecemento.
Primeiramente, cómpre sinalar que o ICE 2025 supón un salto cualitativo respecto a edicións anteriores, ao ofrecer por primeira vez un diagnóstico estratéxico do conxunto de Galicia e non só da provincia da Coruña. O informe analiza a realidade económica galega a través de cinco planos de decisión -empresa, mercado, territorio, institucións e ecosistema- e identifica os principais vectores que condicionan a capacidade de crecemento do tecido produtivo galego.
Neste contexto, o Club Financeiro de Santiago presenta unha reflexión estratéxica sobre a competitividade local da Estrada no marco da análise dos factores estruturais que condicionan o crecemento empresarial e territorial en Galicia.
A intervención parte da idea central de que o esforzo empresarial non sempre se converte por si só en vantaxe competitiva estrutural. Para que ese esforzo xere máis produtividade, máis valor e maior capacidade de crecemento, é necesario analizar non só a empresa, senón tamén o mercado, o territorio, as institucións e o ecosistema de cooperación no que opera.
Con base
No caso da Estrada, destácase que o municipio non parte de cero. Conta cunha base empresarial extensa, cultura de iniciativa, presenza de comercio e servizos comarcais, peso relevante da construción, tradición na madeira e moble, manufactura lixeira e un espazo industrial de referencia como o polígono de Toedo. En consecuencia, o principal reto non está en crear actividade desde cero, senón en organizar mellor unha economía real, pero moi dispersa.
Dispersión
Na presentación sublíñase que A Estrada combina unha posición de centralismo interior cunha forte dispersión territorial. Esta estrutura condiciona a mobilidade, a prestación de servizos, a conectividade, os custos empresariais e a capacidade para xerar economías de escala. Neste sentido, sinalan que o territorio non é un simple soporte físico, senón unha peza central da competitividade local.
Adicionalmente, identifícanse varios desafíos estruturais para o municipio: a atomización empresarial, a dificultade para gañar escala, a cooperación aínda limitada, a baixa densidade tecnolóxica avanzada e o risco de consolidarse como unha economía comarcal funcional, pero con menor capacidade para capturar valor, atraer talento e transformar sectores.
Fronte a esta lectura, proponse avanzar cara a unha axenda local de crecemento organizada, orientada a reforzar capacidades compartidas, mellorar a posición das empresas na cadea de valor, activar mellor o polígono de Toedo, impulsar a substitución xeracional e o talento e aproveitar a conexión funcional con Santiago de Compostela, Silleda, Lalín e Cuntis.
Sen necesidade de reinventarse
Unha das mensaxes centrais é que A Estrada non necesita reinventarse, senón organizar mellor o que xa ten. Noutras palabras, entende o ICE que o reto é que a actividade económica e empresarial dea o salto suficiente de escala, valor e futuro.
A presentación conclúe coa proposta de avanzar cara un diagnóstico operativo de competitividade local, concibido como unha ferramenta de decisión municipal. Este traballo permitiría identificar as capacidades empresariais reais do municipio, os sectores con maior potencial de subida en valor, o papel estratéxico de Toedo, as necesidades de talento e substitución xeracional, os proxectos de cooperación empresarial que poderían activarse e a axenda concreta que podería asumir o concello nos próximos anos.
En síntese, sinalan que A Estrada ten actividade, tecido empresarial e potencial; a clave está en pasar da actividade dispersa á competitividade organizada.