Revista del Club Financiero de Santiago
O presidente do Club Financiero de Santiago (CFS), Roberto Pereira,acompañado da alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e da catedrática de Economía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Bastida, presentaron esta mañá no Concello de Ribeira o Informe de Conxuntura Económica (ICE) 2025, con datos actualizados do municipio, elaborado polo grupo de investigación PRAXIS da USC en colaboración co CFS.
O informe conclúe que Ribeira conta cunha base produtiva moi sólida, cunha especialización industrial e marítima superior á media galega, pero tamén cunha marxe importante para conseguir que esa actividade se traduza en maiores niveis de renda, emprego cualificado e benestar para a súa poboación.
Os datos reflicten esta fortaleza. A industria representa o 18,7 % das afiliacións á Seguridade Social no municipio, fronte ao 13,2 % do conxunto de Galicia. Ribeira conta, ademais, con máis de 1.900 empresas, entre as que conviven compañías de proxección internacional cun amplo tecido de pequenas empresas. Con todo, esta capacidade produtiva non se corresponde plenamente cos niveis de renda: pouco máis de 1.600 euros por habitante, o equivalente ao 84,4 % da media galega.
Para María Bastida, esta diferenza invita a “reflexionar sobre como se xera, distribúe e retén o valor económico no territorio”. Un exemplo é a lonxa de Ribeira, que en 2025 ocupou a terceira posición de Galicia por volume de produto comercializado, pero a quinta por facturación. Nos últimos datos dispoñibles, os quilos vendidos diminuíron un 10,2 %, mentres que o seu valor aumentou un 8,7 %.
Pola súa banda, María Sampedro identifica o relevo xeracional como un dos grandes retos para a localidade: “Temos que conseguir que a mocidade vexa futuro no mar cun traballo digno, estable e con opcións de mellora. E aquí xoga un papel clave a formación para a profesionalización do sector e xerar emprego de calidade.”
Novas oportunidades
A diagnose propón aproveitar a especialización marítima e industrial de Ribeira para desenvolver novas actividades e reforzar as capacidades que xa existen. Para iso, identifícanse seis liñas de actuación: desenvolver produtos e marcas de maior valor, reforzar a tecnoloxía e a I + D aplicada, impulsar a cooperación empresarial, dispor de solo adecuado, mellorar os tempos administrativos e reforzar a formación, emprego e vivenda. A intelixencia artificial atravesa estas liñas como ferramenta para que as pequenas empresas gañen escala.
O municipio xa conta con iniciativas que apuntan nesta dirección: a liña SOLO de Frinsa, orientada a novos segmentos de alimentación; Ribeira Alga Circular, que explora novas aplicacións das algas, e FISHING LAB, que achegou á lonxa solucións de sensorización e monitorización das artes de pesca.
Por outro lado, Bastida subliña que “non é suficiente con identificar oportunidades se o territorio non dispón das condicións necesarias”. Nese sentido, sería positivo o futuro parque empresarial de Ribeira, que previsiblemente ocupará máis do dobre do actual parque de Xarás.
Outras oportunidades identificadas son o turismo de natureza, a gastronomía e o patrimonio mariñeiro, así como a bioeconomía, os novos derivados do mar e a tecnoloxía industrial. Por outro lado, a actividade eólica do Barbanza e a transición enerxética abren oportunidades en servizos auxiliares, mantemento, enxeñería e formación, incluso con perspectivas á eólica mariña.
O talento e as condicións para atraer e reter poboación cualificada son un reto para Ribeira. A formación especializada, a colaboración entre empresas e centros de coñecemento e a dispoñibilidade de vivenda e servizos son factores que condicionan a capacidade de crecemento do municipio. O informe apunta, ademais, á necesidade de ampliar as oportunidades profesionais das mulleres, que representan preto do 64 % das persoas inscritas no paro municipal.
Ao fío destas oportunidades e retos, a primeira edil salientou a importancia de seguir impulsando o sector estratéxico da localidade: "quedan cousas por facer para adaptarnos a un horizonte en constante evolución, si, pero é un alivio constatar que imos polo bo camiño. Porque hoxe, máis ca nunca, podemos confirmar que o mar é pasado, presente e tamén garantía de futuro."
Pola súa banda, Roberto Pereira destacou a importancia de achegar o coñecemento económico aos municipios e poñer a disposición do tecido empresarial e das administracións ferramentas que permitan identificar os seus principais retos e oportunidades. Neste sentido, sinalou o compromiso do Club Financiero de Santiago coa análise da realidade económica galega e coa promoción de espazos de diálogo e colaboración entre empresas.